Another Europe is possible

Senra insta aos Estados español e francés a respectar os dereitos humanos das persoas presas

05/09/2017

  • O Grupo de Amizade co País Vasco convocou esta mañá no PE a conferencia Proceso de Desarmamento: Cara unha paz duradeira no País Vasco
  • A eurodeputada salientou o contraste existente entre a inmobilidade dos Estados español e francés e o compromiso amosado pola sociedade

 

 

 

Boa tarde a todas e todos,

 

 

Bruxelas, 5 de Setembro de 2017. Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), participou na mañá de hoxe na conferencia “Proceso de Desarmamento: Cara unha paz duradeira no País Vasco”, convocada polo Grupo de Amizade co País Vasco do Parlamento Europeo (PE), do que é integrante. Logo da apertura do evento a cargo da eurodeputada galega, tomaron a palabra o deputado Mark Demesmaeker -coordenador do European Conservatives and Reformists Group (ECR)-, a deputada irlandesa Martina Anderson -Sinn Féin- e o deputado catalán Josep María Terricabras -Esquerra Republicana de Catalunya (ERC)-.

 

Co obxectivo principal de falar polo miúdo do proceso de desarmamento de ETA e pór sobre a mesa os retos que inda fican pendentes, este evento contou ca participación do pastor metodista irlandés Harold Good, observador nos procesos irlandés e vasco, quen apelou ao principio de reciprocidade para demandar aos estados francés e español o achegamento das persoas presas. En representación da sociedade civil, Anaiz Funosas, voceira do movemento civil Bake Bidea, subliñou que está a ser precisamente a sociedade a forza que está a funcionar como principal panca no proceso de paz.

 

Ao igual que manifestaron na rolda de prensa convocada o pasado 29 e marzo, as deputadas/os integrantes deste grupo de amizade co País Vasco subliñaron esta mañá o seu apoio ao proceso de desarmamento de ETA auspiciado pola sociedade civil. Nesta liña, Lídia Senra chamou a atención sobre a “falta de vontade dos gobernos español y francés para seguir avanzando na resolución definitiva desta situación”, unha falta de compromiso ca paz que “contrasta claramente ca implicación amosada pola sociedade vasca”.  A eurodeputada galega tamén fixo fincapé na necesidade de “poñer sobre a mesa a obriga de respectar os dereitos humanos das persoas presas” e que, neste caso, abondou, “pasa ineludibelmente por rematar cas políticas de dispersión e por proporcionar unha atención axeitada ás presas e presos gravemente enfermos”.

 

Ademais da súa participación no Grupo de Amizade do Parlamento Europeo dende o inicio da lexislatura, Lídia Senra formou parte tamén da delegación de eurodeputadas/os que en febreiro do 2016 se desprazou a distintas zonas do País Vasco a fin de comprobar as consecuencias da política penitenciaria aplicada polos Estados español e francés ao respecto dos dereitos humanos dos presos e presas vascas e os seus familiares.

 

 

 

Moitas grazas pola vosa atención

 

 

 

*Achegamos 3 imaxes da conferencia Proceso de Desarmamento: Cara unha paz duradeira no País Vasco”

 

__________

 

Máis información:

 

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

 

Tlf: 609 845 861

lidia.senra@europarl.europa.eu      

http://ageuropa.gal/

@LidiaSenra

Contact Form

×