Another Europe is possible

Senra condena a “agresividade” do Goberno do Estado español contra o dereito dos pobos a decidir

07/09/2017

Lídia Senra condena a “agresividade” do Goberno do Estado español contra o dereito dos pobos a decidir

 

  • A eurodeputada galega manifesta o seu “apoio total” ao camiño iniciado onte polo Parlament de Catalunya cara o referendo do 1 de Outubro
  • Senra lembra que o dereito á autodeterminación está recollido nos Pactos Internacionais de Dereitos Humanos das Nacións Unidas

 

 

 

Boa tarde a todas e todos,

 

Bruxelas, 07 de Setembro de 2017.  Lídia Senra condenou hoxe “a agresividade ca que o Goberno do Estado español está a tentar intimidar o exercicio de democracia activado onte polo Parlament” a través da aprobación da convocatoria do referendo de autodeterminación de Catalunya.

 

A eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), lembrou que  “o dereito dos pobos a decidir sobre as súas propias formas de goberno e o seu desenvolvemento económico, social e cultural, sen inxerencias externas e de acordo ao principio de igualdade, está recollido nos Pactos Internacionais de Dereitos Humanos da Asemblea Xeral das Nacións Unidas”, polo que resulta totalmente improcedente a perrencha españolista que está a ter o Partido Popular”. Inda por riba, subliñou Senra, esta rabecha conta co agravante de que “froito da frustración que lle supón non ser capaz de intimidar ao pobo catalán, o Partido Popular está a instrumentalizar  institucións do Estado, como o Tribunal Constitucional, para ameazar co cárcere a representantes políticas/os que simplemente asinaron un papel que habilita o dereito a consultar a un pobo sobre o seu futuro”.

 

Mención a parte merece ademais para a eurodeputada galega a linguaxe empregada dende o Partido Popular para describir as decisións aprobadas democraticamente polo Parlament. “Desafío”, “acto de forza”, “matar a democracia”, “patada á democracia”, “estafa á democracia” e a longa lista de “cualificativos belixerantes empregados polo PP para crispar o contexto no que unha institución democraticamente elixida está a actuar conforme ás súas competencias para darlle voz ao pobo catalán”, constitúe unha linguaxe “totalmente intolerábel” para referirse a “un pobo que aposta por poñer en marcha os instrumentos para decidir sobre o seu futuro”. O xeito no que se está a expresar o Partido Popular dende a súa posición como Goberno do Estado  “fede a unha predisposición á violencia política realmente preocupante e constitúe todo un ataque á democracia”, advertiu.

Fronte a un poder Executivo empeñado en retorcer as liberdades civís até extremos ridículos, chegando mesmo a atacar o dereito a expresarse a través das furnas ao tempo que argumentan por riba de todo o respecto á democracia, a eurodeputada galega Lídia Senra reiterou hoxe dende Bruxelas o seu “apoio total ao exemplo de democracia e dignidade como pobo que está a dar Catalunya”.

 

Moitas grazas pola vosa atención

 

 

 

*Adxuntamos imaxe de arquivo da eurodeputada Lídia Senra Rodríguez.

__________

 

Máis información:

 

Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

 

Tlf: 609 845 861

lidia.senra@europarl.europa.eu      

http://ageuropa.gal/

@LidiaSenra

Contact Form

×