Another Europe is possible

Senra acusa Delegado do Goberno e Policía de levar a cabo prácticas propias de eras non democráticas

15/06/2017

Boas,

 

Lídia Senra acusa ao Delegado do Goberno e á Policía de levar a cabo prácticas propias de eras non democráticas

 

·        Súmase á campaña #eutambémsomescárnioemaldizer e estuda vías para denunciar ante a CE a vulneración de dereitos e liberdades

 

·        Considera intolerable que as forzas neoliberais estean aproveitando o desaloxo dun centro social para atacar e reprimir á sociedade activa

 

Santiago, 15 de xuño de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acusa ao Delegado do Goberno na Galiza, Santiago Villanueva, e aos corpos da Policía Nacional, de estar a levar a cabo nas últimas semanas en Santiago prácticas propias de eras “non democráticas”. “As imaxes e os vídeos da represión policial que houbo nas mobilizacións contra o desaloxo do Centro Social Okupado Escarnio e Maldizer en Compostela lembran a cargas doutras épocas, como as que había no Día da Patria Galega para impedir que as e os manifestantes entraran na zona vella de Compostela, ou as que se deron en loitas como a da Cota Empresarial, Baldaio, Larín,... Este tipo de ataques totalmente desproporcionados non se poden permitir. Todas as forzas democráticas debemos reaccionar”, afirmou. Senra ben de sumarse á campaña aberta nas redes sociais #eutambémsomescárnioemaldizer seriamente preocupada pola vulneración e retroceso de dereitos e liberdades ás que estamos asistindo no noso país por parte das forzas neoliberais, que están a aproveitar a ocasión para “reprimir á sociedade activa e intentar criminalizar aos movementos, intentando impoñer unha alarma social falsa como se non houbera un mañá”.

 

Neste sentido, Senra considera que é unha evidencia a todas voces que o CSO Escarnio levaba anos organizando actividades de dinamización social e cultural sen ningún tipo de problema de convivencia coa veciñanza nin para a cidade, “todo o contrario”. E o feito de que non foran comunicadas as concentracións-manifestacións convocadas na capital galega para protestar pola repentina clausura forzosa e tapiado a ladrillo do edificio okupado “non dá dereito a que a policía se poña literalmente a mallar sen ningún tipo de reparo nas persoas que asistiron ás mobilizacións”, dixo.

 

Á vista das imaxes dos moratóns nos corpos, dos vídeos das cargas que se produciron e das trabas e ameazas e golpes que sufriron os e as xornalistas que intentaron cubrir o que pasaba, a deputada está a estudar diferentes vías de cara a presentar ante o Parlamento e a Comisión Europea denuncias sobre as vulneracións de dereitos que se están a dar por parte das forzas policiais e dos responsables destas decisións. “Que era o que pretendían ocultar para intentar pola forza que as profesionais da comunicación non puideran seguir o que estaba a pasar?”, preguntouse.

 

Senra acolle ademais con moita indignación o anuncio realizado onte de que a Dirección Xeral da Policía, a través da Subdelegación do Goberno na Coruña, tramitará ao redor de 400 propostas de sanción administrativa contra as 116 persoas que foron identificadas na mobilización do sábado pasado. Ditas sancións poden superar os 30.000 euros de multa conforme a Lei de Seguridade Cidadá. “As consecuencias para o recorte de liberdades da aplicación da Lei Mordaza, que nunca debería ter sido aprobada, son nefastas e fronte a este rodillo que aplica a dereita contra toda persoa que se mova un pouco o único que nos queda é non calar, apoiar aos movementos sociais e dar a batalla”, opinou Senra.

 

“O que non podemos facer é calar. E menos despois de escoitar cousas tan graves como a que dixo o señor Santiago Villanueva esta semana nunha entrevista na Radio Galega: Que o Goberno estatal controla, fai seguimento e investiga ás persoas que de forma periódica acoden a manifestacións.  É que manifestarse e a libre expresión de ideas xa non é un dereito fundamental recollido na Constitución? É este un Estado de Dereito? Isto desde logo retrotraemos a prácticas da ditadura e non podemos quedar impasibles.”, alertou Senra. 

 

Moitas grazas pola vosa atención e difusión

 

__________

 

Máis información ou entrevistas:

 

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

 

Tlf: 609 845 861lidia.senra@europarl.europa.eu

 

http://ageuropa.gal/      https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Contact Form

×