Another Europe is possible

No sector pesqueiro cómpre revisar o sistema de cotas, a etiquetaxe e por en valor circuítos curtos

26/09/2017

“No sector pesqueiro cómpre revisar o sistema de cotas, a etiquetaxe e por en valor os circuítos curtos”

 

  • A eurodeputada galega é a responsábel para o GUE/NGL do seguimento dun informe do Parlamento Europeo sobre optimización do sector pesqueiro
  • Produtos pesqueiros de proximidade nos comedores públicos ou o estudo dos impactos da acuicultura industrial e das importación de peixe, algúns aspectos clave

 

Bon día,

 

Bruxelas, 26 de Setembro de 2017. Lídia Senra, integrante da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo en representación do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), vén de ser designada responsábel deste grupo parlamentario para o seguimento do informe  “Optimización da cadea de valor no sector pesqueiro da Unión”.  Nos vindeiros meses procederase a fixar un texto base para o informe e a presentar enmendas ao mesmo, para o que Senra fará consultas co sector.

 

No día de onte convocouse o primeiro dos debates que terán lugar ao abeiro da realización deste informe, no que o deputada galega fixo xa un primeiro plantexamento dalgúns dos puntos claves que debería abordar este texto. Sen perder de vista que Galiza é a primeira potencia pesqueira da UE, e que no sector traballan máis de 22.000 persoas, a eurodeputada galega salientou na súa intervención que a optimización da cadea de valor pesqueira ineludíbelmente ten que centrarse en “mellorar a situación das persoas que traballan no mar pescando ou mariscando, así como a vida nas vilas e pobos costeiros e a calidade dos ecosistemas mariños”.

 

Lídia Senra trasladou na súa intervención algunhas das cuestións para acadar que a optimización da cadea de valor repercuta favorabelmente na pesca artesanal e a pequena escala. Dentro dos aspectos a  revisar, fixo fincapé no sistema do reparto das cotas pesqueiras, dado o seu impacto na renda final das persoas que traballan no mar e nas economías das vilas mariñeiras. Tamén puxo sobre a mesa a importancia aproveitar a realización deste informe para “por en valor todos os beneficios asociados ao establecemento de circuítos curtos de comercialización e ao abastecemento de comedores públicos, como os das escolas ou os dos hospitais, cos produtos locais da pesca e do marisqueo”.

 

Dende o punto de vista da eurodeputada, o informe que vai realizar o Parlamento Europeo tamén deberá contemplar aspectos relacionados coa etiquetaxe, apostando por impulsar un sistema que dunha vez por todas fixe con claridade cales son os países de procedencia dos produtos pesqueiros, tanto frescos como procesados, para deste xeito “poder optar, como consumidoras, polos produtos de pesca artesanal e a pequena escala obtidos polos nosos pescadores/as”. Tamén subliñou a importancia de que nas conservas figure esta información, porque  moitas veces, lembrou, “cando mercamos marcas galegas se non figura claramente o país de orixe pensamos que estamos mercando produto pescado a nivel local pero en realidade é peixe de importación”.

 

Outro dos aspectos a valorar e analizar neste informe, abondou, terá que ser os impactos que teñen na pesca artesanal e a pequena escala tanto as importacións de produtos pesqueiros, como os procedentes da acuicultura industrial.

 

En resumo, “este informe ten que servir para instar á Comisión Europea a establecer medidas que permitan aos pescadores e pescadoras artesanais e a pequena escala, e aos mariscadores e mariscadoras, mellorar os seus ingresos e vivir dignamente do seu traballo”, concluíu a eurodeputada galega.

 

Ademais do rexistro de distintas preguntas parlamentarias dirixidas á Comisión Europea no que vai de lexislatura[1] Lídia Senra, impulsou no ano 2016 unha visita da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo a Galiza para coñecer os impactos da Política Pesqueira Común (PPC) no noso país,  constituíndo a primeira vez na que unha visita do Parlamento Europeo contou con distintas entrevistas con varias persoas representantes do sector.

 

 

 

Proposta de puntos clave para o informe “Optimización da cadea de valor no sector pesqueiro da Unión”

TEMA DA INTERVENCIÓN

Optimización da cadea de valor no sector pesqueiro da Unión

ENLACE Á INTERVENCIÓN

https://www.youtube.com/watch?v=XVUYSrksWDk&feature=youtu.be

 

 

 

Moitas grazas pola vosa atención

 

 

 

*Pódese acceder  a tódalas preguntas rexistradas por Lídia Senra en relación á actividade pesqueira, marisqueo e mantemento dos ecosistemas mariños neste enlace: http://www.europarl.europa.eu/meps/pt/125049/seeall.html?type=QP

*Adxuntamos imaxe de arquivo da eurodeputada Lídia Senra correspondente ao 25/09/17.

 

__________

 

Máis información:

 

Lídia Senra Rodríguez

Eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

 

Tlf: 609 845 861

lidia.senra@europarl.europa.eu      

http://ageuropa.gal/

@LidiaSenra

 

 

[1] Pódese acceder  a tódalas preguntas rexistradas por Lídia Senra en relación á actividade pesqueira, marisqueo e mantemento dos ecosistemas mariños neste enlace: http://www.europarl.europa.eu/meps/pt/125049/seeall.html?type=QP

Contact Form

×