Another Europe is possible

30 Activistas galegas/os participarán mañá no PE nun seminario do GUE/NGL sobre futuro das pensións

29/01/2018

30 Activistas galegas/os participarán mañá no PE nun seminario do GUE/NGL sobre o futuro das pensións

 

  • Os debates e propostas xirarán arredor da premisa “Xubilación en tempos de austeridade. Cal será o futuro do noso sistema de pensións?”
  • As deputadas do GUE/NGL Senra, Sakorafa e Chountis promoven este encontro que partirá das experiencias de países intervidos pola Troika

 

 

 

Boa tarde a todas e todos,

 

 

 

Bruxelas, 29 de Xaneiro de 2018. Baixo o título “Xubilación en tempos de austeridade. Cal será o futuro do noso sistema de pensións?” a eurodeputada galega Lídia Senra e @s greg@s Sofía Sakorafa e Nikos Chountis, integradas no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), coordinarán dende as 9.00hrs de mañá, martes 30, unha xornada de debate no Parlamento Europeo (PE) en Bruxelas.

 

Dende Galiza desprazaranse trinta persoas do ámbito da loita social a prol do sistema público de pensións para participar neste evento na Eurocámara. Entre elas figura a integrante do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas e voceira da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, Victoria Portal Mariño, que dará conta das mobilizacións sociais levadas a cabo nestes últimos anos e concretará as demandas específicas plantexadas dende a cidadanía para salvagardar o sistema público de pensións. Tamén achegará unha análise específica dende a Galiza o sindicalista, docente e economista galego Xabier Pérez Dávila, que debullará os puntos clave do que identifica como “unha campaña prolongada” para reducir as pensións públicas e abrir espazo para os fondos privados de capitalización.

 

Xunto a Xabier Pérez, o primeiro panel de posta en común arredor da perda de dereitos sociais provocada pola intervención da Troika nos países do sur da UE completarase cas intervencións do docente e asesor da Marea Pensionista de Catalunya, Ramón Franquesa e do ex-Secretario Xeral de Seguridade Social do Ministerio de Traballo, Seguridade Social e Benestar de Grecia, Giorgos Romanias, especialista en Dereito laboral. A eurodeputada grega Sofía Sakorafa conducirá esta primeira parte do evento.

 

O segundo panel da xornada, que será coordenado por Lídia Senra, centrarase no deseño de propostas concretas para poder garantir a sostenibilidade dos sistemas públicos de pensións. Neste espazo as propostas realizadas por Victoria Portal serán completadas cas achegas de Dimitris Stratoulis, ex Viceministro grego de Seguridade Social (Grecia) e Henri Lourdelle, conselleiro político da Federación Europea de Xubilados/as e Persoas Maiores, Confederación Europea de Sindicatos - Bélxica.

 

As conclusións e puntos clave do encontro serán compilados polo eurodeputado Nikos Chountis, encargado de pechar o evento.

 

“Con esta xornada queremos socializar información e experiencias de países que sufrimos a violencia económica das medidas de austeridade. Imos compartir propostas e liñas de traballo para garantir sistemas públicos de pensión sostíbeis e protexidos da instrumentalización e destrución operada por certos Gobernos,  como está a pasar co do Partido Popular nestes momentos no Estado español”, explicou a eurodeputada galega Lídia Senra. “Está claro que a tentativa de rematar co sistema público de pensións forma parte dun plan para ir  preparando o terreo cara a súa privatización e favorecer o lucro de empresas privadas. É  unha estratexia neoliberal que estamos a percibir a nivel de toda a Unión Europea e que agudiza inda máis a vulnerabilidade das clases populares”.

 

 

 

 

“Xubilación en tempos de austeridade. Cal será o futuro do noso sistema de pensións?”

MARTES 30, ás 9.00 na sala ASP1G2 do PARLAMENTO EUROPEO (BRUXELAS).

Será retransmitido en directo a través deste enlace:

http://web.guengl.streamovations.be/index.php/event/stream/retirement-in-time-of-crisis-what-future-for-our-pension-systems

 

 

 

 

 

 

 

 

*Achegamos cartaz e programa.

 

 

 

Moitas grazas pola vosa atención

 

 

__________

 

Máis información:

 

Lídia Senra Rodríguez

Eurodeputada galega

Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

 

Tlf: 609 845 861

lidia.senra@europarl.europa.eu      

http://ageuropa.gal/

@LidiaSenra

Contact Form

×